Ano novo, loita nova…Feliz 2017

O 2016 foi un ano no que a interinidade dun goberno en funcións fixo que pouco se puidera avanzar no cumprimento das nosas reivindicacións, mais con todo dende a Plataforma contra a A76 pola Ribeira Sacra mantivemos a nosa loita ao longo de todo o ano.

Unha das accións máis destacábeis foi a elaboración e presentación das alegacións contra o PXOM de Nogueira de Ramuín no que a autoestrada aparece como un elemento beneficioso para o desenvolvemento do Concello sen que se entre a valorar os graves prexuízos que acarearía esta infraestrutura dende o punto de vista social, económico e medioambiental.

Tamén se fixeron un par de charlas informativas moi interesantes. Unha na que se falou sobre as posíbeis afeccións que produciría o trazado actual da A76  e outra na que se fixo un percorrido pola historia e o patrimonio da Ribeira Sacra.

Dende a Plataforma contra a A76 Pola Ribeira Sacra agardamos que o vindeiro ano se podan dar pasos definitivos para acadar as nosas reivindicacións.

Felices festas e Feliz Ano 2017 para todas e todos.

O PXOM VS “A CONQUISTA DO OESTE” #NogueiradeRamuín

Cavalry_and_Indians

Qué terá que ver o touciño coa velocidade? Pois… como todo é relativo, depende do prisma co que se mire e coa concordancia que  o maxín de cada quen lle poida inspirar…

Aló polo século XIX os políticos e grandes empresarios americanos, lobbies ávidos de especulacións e enriquecemento compulsivo e galopante, orquestaron o que se deu en chamar “a conquista do oeste”, desprazando, oprimindo e masacrando a centos de minorías étnicas de amerindios, que se viron despoxados da terra, da lingua, da independencia e da cultura, soterrada para sempre baixo os camiños de ferro.

Pasou a ser a terra prometida para moitos miles de colonos, aleccionados coa promesa de facerse con terra barata na que se asentar e prosperar. A construción do ferrocarril (ferramenta indispensable para a explotación dos recursos mineiros, fixar e conquistar o territorio) e os consiguientes fortes militares para dar protección os colonos, foron atenazando as tribus de amerindios ata case  lograr o exterminio de moitas delas ( o que non caía polas balas, as enfermidades europeas como a gripe ou a varíola encargábanse do resto, fortuita e intencionadamente tamén). As empresas do ferrocarril, posuidoras das terras o redor das estacións, comezaron a especular, enganando e falseando as virtudes da mesma, fomentando o efecto chamada sobre miles de colonos, charlatáns, quincalleiros, cazadores de fortuna, trampeiros, gambusinos (como non, a “febre do ouro” tamén foi un importante incentivo para moitos). As cidades fóronse desenvolvendo, abríronse casinos, bancos, salóns…  e tiveron un efecto imán sobre buscavidas, foraxidos, maleantes, pendencieros etc.  O descontrol, a mala vida, e a prostitución foron caldo de cultivo ideal para converter moitos destes lugares en “cidades sen lei”.

A sorte estaba botada sobre as tribus amerindias, o “cabalo de ferro” no seu imparable avance, chegou a contratar cuadrillas de cazadores (Buffalo Bill, foi un deles) para esquilmar as manadas de bisontes que tantos problemas lles ocasionaban, e o mesmo tempo acabar co medio de subsistencia destas tribus, reducindo así de forma indirecta a súa oposición enconada contra os atropelos que supuxo a construción desta infraestrutura.

 ¿Quién puede comprar o vender el cielo, el calor de la tierra?”

(Resposta do xefe indio Noah Seattle da tribu Swamish, en contestación á proposta do presidente Franklim Pierce para mercarlle as súas terras).

Os amerindios, diezmados, humillados, co orgullo ferido de morte, barridos da súa casa pola forza (velaí un dos maiores desafiuzamentos da historia da humanidade, mostrando o seu lado máis cruel e despiadado), teñen que aceptar e acatar tratados e condicións ( Tratado de forte Laramie) incumplidas moitas veces, outras quedouse todo en papel mollado, nos que os EE.UU.  cedíanlle en fideicomiso as chamadas “Reservas Nativo Americanas” (supoñen menos do 2% do territorio cando chegaron a ocupar o 97%) donde hoxe moitos dos descendentes malviven facendo “o indio” para os turistas, en casas baratas subsidiadas polo goberno, cadea perpetua da súa dependencia; con graves problemas de adiccións ao xogo, drogas, alcohol e como non, corrupción e depravación moral. (Si, tamén e verdade que os casinos, amparados polo vacío legal que rixe estas resevas, reportan uns importantes beneficios que na súa maior parte, remata na man dos lobbies empresariais que omnipresentemente acaban aparecendo e levando a tallada máis grande do pastel (“Reservatión Shopping”).

¿Qué venderon e amosaron a todo o mundo, do acontecido nesa época da historia americana?

Pois como non podía ser doutro xeito, en aras de exaltar a súa cruzada patriótica:

Déronnos a xustificación, a independencia, a bula pagada, a venda nos ollos, o unionismo, o honor, a prosperidade… a “liberdade iluminando o mundo”

E para iso, non se escatimou en medios, xa no XIX, apareceron as primeiras novelas do oeste, ambientadas no “far west”, espectáculos como o “Wild West Show” protagonizado por Buffalo Bill, Toro Sentado, Caballo loco… no que se recreaba o salvaxe oeste, e que pasados os anos revolucionaría a industria cinematografica co Western plagado de heroes que encarnan o simbolismo e os valores máis patrióticos e en máis estima da época, á vez que se tachaba os amerindios de rudos, incontrolados, crueis, salvaxes, e posuidores de armas químicas …ufff perdón, eso foi noutro tempo.

Recordando algúns titulos como: “La Diligencia”, “Fort Apache”, “Río Bravo”, “Río Rojo”, “Río Lobo”, “Murieron con las botas puestas”, “Solo ante el peligro”, “Por un puñado de dólares” “El bueno el feo y el malo” “El tesoro de Sierra Madre”…

A cruda realidade foi que así termina a VIDA e comeza o sobrevivir.. para os pobos amerindios.

Hoxe no XXI, pouco e moito cambiaron as cousas, seguimos atenazados polas mans da cobiza, da prepotencia, da inmoralidade, do orgullo finxido, do desprezo pola ética e a falla de conciencia. Nós tamén temos o noso cabalo de ferro, a construción da Autoestrada A-76, que ameaza directamente o noso patrimonio, a nosa cultura, e sobre todo, unha paisaxe ligada a unha forma de vida ancestral.

Todo comeza hai uns anos cando uns chupatintas carroñeiros, aproveitándose da ilícita información privilexiada e actuando con premeditación e alevosía,  ás costas dos veciños, empezan a especular coa chegada da autoestrada, subrepticiamente mércanse fincas e terreos susceptibles de “pelotazo urbanístico”. O resto xa o coñecemos: nula información e participación dos veciños e interesados, oscurantismo da administración, secretismo, imputacións … e para darlle lexitimidade, no 2008 encárgase a redacción do novo PXOM, dando validez xurídica e formal a moitos dos plans previstos (Polígono Industrial, previsión de vivenda nova cun aumento de 600/700,  concentración de servizos e equipamentos, reducción dos núcleos rurais…)

Esta banda de Cuatreros, charlatáns vendedores de fume, trileiros da linguaxe, quixéronnos convencer e vender as vantaxes do seu Plan, voltando a carga e desfibrilando o tema da A-76 o citala no PXOM como unha infraestrutura positiva e crucial para o desenvolvemento residencial e industrial do concello. Exaltando e comparando o modelo construtivo en altura (tipo Benidorm) como o” ideal para o noso concello”. ¿Pero de onde saíron istes asalta camiños?, istes “canijo e tiñoso”, para enxendrar tamaña barbaridade mental propia das musas bosquianas!!!

Destinan 107 mil metros cadrados para edificar 249 vivendas. Quénes son os propietarios destas terras? Quén vai dar o pelotazo? Faranse algún día, ou será unha especulación Express de despacho, sen necesidade de mover unha morea de terra?

Cál e o futuro previsto para os pequenos núcleos rurais do concello? Quizáis convertélos en “Reservas Rurais”? Poderemos tamén facer o “indio” e vender o noso viño como” viño de Reserva” e destilar “auga de lume” cos toxos e cas silveiras???

Menos películas e máis feitos, as Ribeiras dos nosos ríos Miño, Sil e Bubal, non se venden por un puñado de dólares, non estamos sós ante o perigo, e aínda que a loita prevese enconada, e mailo enpecinamento do bo, o feo e o malo, seguiremos na trincheira, loitando ata “felar” cas botas postas se e preciso, e nunca deixaremos que expolien o tesouro da Ribeira Sacra.

P.D. Rostro Pálido: Se tes moita presa por acelerar a aprobación do Plan, as presas e a velocidade, non son boas compañeiras. Vas ter que frotar moooito touciño para que che entre máis paseniñamente sin tanta fricción e molestias.

Fdo: El Llanero Solitario.

Notas:

“canijo e tiñoso”: Persoaxes da serie animada “Érase una vez el hombre”.

Felar: Morrer (Barallete)

 “A liberdade iluminando o mundo”. Título da Estatua da Liberdade.

“Reservation Shopping” Fenómeno consistente na compra de terras fóra das reservas para montar casinos fóra dos núcleos urbanos. Donde os empresarios consiguen unha parte dos beneficios a cambio de inversións, asistencia xurídica, relacións públicas cos lobbies …

Foto: Wikipedia

ALEGACIÓNS CONTRA A A-76 NO PXOM DE NOGUEIRA DE RAMUÍN (II)

Na xuntanza informativa da Plataforma contra a A-76 pola Ribeira Sacra celebrada o pasado sábado 9 de xullo acordouse o texto a presentar como alegacións ao PXOM promovido polo Concello de Nogueira de Ramuín.

En ditas alegacións expóñense distintas cuestións entre as que destaca a solicitude dun pronunciamento claro por parte do Concello sobre a A-76, posicionándose ao respecto como unha infraestrutura altamente prexudicial e en colisión directa co interese do territorio da comarca da Ribeira Sacra á que Nogueira de Ramuín pertence.

Por outra banda, tamén se inclúen nas alegacións algunhas medidas específicas, dende o punto de vista da ordenación municipal, que serían moi  beneficiosas para as parroquias polas que descorre o trazado previsto para a A-76.

IMG-20160710-WA0000

Charla e apuntes sobre a afección da A-76 pola Ribeira Sacra

fotomontaxe reunión

Fai uns días como xa vos comentamos a Plataforma contra a A-76 pola Ribeira Sacra contou coa presenza do enxeñeiro de camiños e veciño da zona Jorge Fernández Soto, que ofreceu unha interesante charla sobre as posíbeis afeccións que produciría esta autoestrada ao seu paso pola Ribeira Sacra.

Ao longo da súa intervención falou das consecuencias medioambientais, sociais e económicas que podería acarrear o trazado actual desta infraestrutura.

A continuación deixámosvos un documento cun pequeno resumo que nos achegou Fernández Soto sobre os aspectos máis salientábeis tratados na súa exposición agradecendo  dende eiqui de novo a súa colaboración.

Asemblea 30 abril 2016 Exposición Técnica Jorge Fdez Soto pdf

Saúdos! e a seguir!

ALEGACIÓNS CONTRA A A-76 NO PXOM DE NOGUEIRA DE RAMUÍN

Na xuntanza informativa da Plataforma contra a A-76 pola Ribeira Sacra celebrada o pasado sábado 30 de abril contamos coa presenza do enxeñeiro de camiños, e veciño da zona, Jorge Fernández Soto que explicou polo miúdo as graves consecuencias que terá o proxecto desta infraestrutura nas parroquias de Viñoás e A Carballeira trala aprobación do novo PXOM que está a promover o concello de Nogueira de Ramuín.

O proxecto do PXOM, que actualmente se atopa en fase de exposición pública e período de alegacións, ademáis de traer reflectido nos planos a reserva de solo para a autoestrada, contempla na súa memoria unha xustificación sobre a necesidade desta infraestrutura incluíndoa como un factor que pode “sentar un alicerce dun cambio de tendencia poboacional no concello” e que será unha canle de “entrada e saída para os fluxos de capital, emprego e persoas”.

Na reunión acordouse presentar alegacións ao actual PXOM nas que se poña de manifesto a total oposición da veciñanza á A-76, que se retire da memoria a defensa desta infraestrutura e se inclúan expresamente os graves perxuízos que esta autoestrada causaría na zona desde o punto de vista social, económico e medioambiental.

Por outra banda, tamén se acordou instar ao Pleno do Concello a que se manifeste clara e rotúndamente en contra do paso da A-76 por Nogueira de Ramuín.

Os nosos desexos para 2016

Agora que está a piques de rematar o ano, dende a Plataforma contra a A76 pola Ribeira Sacra queremos agradecervos a todos e todas o apoio e a axuda que nos ofrecedes en todo momento e de todos os xeitos imaxinábeis.

As decenas de fotografías chegadas da “greleira viaxeira” dannos alento e ilusión e do mesmo xeito fannos ver que a nosa loita é comprendida e apoiada dende moitos lugares do mundo.

Os centos de correos recibidos no noso e-mail (pcontraautoviaribeirasacra@gmail.com) interesándose pola situación do proxecto e polos avances acadados nas nosas reivindicacións anímannos a seguir traballando por frear este despropósito económico, social e medioambiental.

Como noticia máis salientábel deste ano destacamos o compromiso acadado coa titular do Ministerio de Fomento, Ana Pastor, para revisar o proxecto na procura de alternativas menos prexudiciais e o propósito de abrir un período de exposición pública para o tramo Monforte-Ourense, o cal nunca estivo exposto como tal.

Desde a Plataforma contra a A76 pola Ribeira Sacra desexamos que se cumpran canto antes os compromisos acadados e que o 2016 nos traia unha solución definitiva para este sensentido que xurdiu xa fai case dous anos e faga regresar a tranquilidade e a alegría ás nosas vidas permitíndonos gozar do lugar onde viviron e viven os nosos avós e pais e onde queremos que poidan seguir vivindo os nosos fillos.

Felices Festas e Feliz Ano 2016 para tod@s.

10682331_1551382271757569_7088177531170821547_o

Xuntanza co Delegado da Xunta en Ourense e o Presidente da Comisión de Fomento #A76

Nestes días vacacioais e de grandes calores estivais, a Plataforma contra a A76 pola Ribeira Sacra continúa co seu traballo de defensa das súas reivindicacións. Fai hoxe unha semana dúas representantes da Plataforma mantiveron unha xuntanza con Rogelio Martínez (Delegado Territorial en Ourense da Xunta de Galicia) e Celso Delgado (Deputado no Congreso por Ourense e Presidente da Comisión de Fomento).

O obxectivo desta reunión era coñecer de primeira man o estado actual do proxecto da autoestrada, sobre todo, despois de que xa pasaron varios meses do compromiso da Ministra de Fomento, Ana Pastor, de abrir un período de alegacións para o tramo que atinxe á Ribeira Sacra. Neste senso, Celso Delgado comunicounos que dende o Ministerio tiñan previsto comezar a desenvolver o proxecto da autoestrada nos primeiros tramos (os que afectan a O Bierzo e Valdeorras), e que o noso se atopaba paralizado e pendente de abrir prazo para formular alegacións. Do mesmo xeito, asegurounos que tan pronto se abrira o prazo para alegar a Plataforma sería das primeiras en coñecelo e que habería tempo suficiente para poder preparar as alegacións. Por outra banda, tamén nos comunicou que o propio Ministerio está a estudar posibles alternativas ao trazado aprobado que descorre pola Ribeira Sacra.

Rogelio Martínez transmitiunos que desde a Xunta de Galicia se entenden as nosas reivindicacións e esperan que se acade unha solución satisfactoria para todos, mais tamén nos lembrou que esta infraestrutura non era competencia autonómica. Desde a Plataforma comentámoslle que aínda que esta autoestrada é de competencia estatal, nos consideramos que o goberno autonómico algo terá que dicir sobre a mesma, pois descorre polo seu territorio e afecta gravemente ao seu patrimonio social, cultural e medioambiental. Do mesmo xeito, reiterámoslle que levamos case un ano agardando unha xuntanza con Alberto Núñez Feijóo, pois ademáis de ser o presidente da Xunta e un veciño máis da zona afectada e para nós sería moi interesante saber de primeira man o seu posicionamento sobre iste tema.

Veciñ@s de Coles en apoio á Plataforma contra a A-76 pola Ribeira Sacra

Moitos veciños e veciñas do concello de Coles estamos tratando de evitar quedar soterrados por autoestradas, futuras causantes da incomuniación entre as nosas poboacións; pois nuns anos este territorio pasará de non sufrir ningunha, a ser dúas as vías de alta capacidade que destrozarán o noso concello: a A-76 Ponferrada-Ourense, aprobada en marzo do ano 2014 e a A-56 Lugo-Ourense, pendente de execución.

O Concello de Coles ten unha superficie duns 38 km2, 3300 habitantes distribuídos en 85 núcleos de poboación, dentro de 11 parroquias das que a máis afectada polo trazado da A-76 é a de maior densidade en núcleos. Moita da xente que permanecemos eiquí en busca dunha vida rural tranquila, gozando da riqueza medioambiental da nosa zona, teremos que lidiar nun futuro con estas dúas vías que distarán unha da outra nun máximo de 3 Kms polo que partirán o noso pequeno Concello en varios pedazos. Ademáis, a mencionada Autoestrada A-76 chegará despois de ter estragado un paraxe natural e fermoso como é a Ribeira Sacra, que sen dúbida debería ser protexida e declarada Patrimonio da Humanidade como ben o merece.

Ó seu paso polo concello, a Autoestrada A-76 lindará a escasos metros de poboacións como Trasdorrío, Bamio de fondo, Cima de Vila, Ferreiros, Izás, Pol, Paradela, Sequeiros e Seoane; sendo as dúas últimas as máis directamente afectadas pois desaparecerán na súa maior parte ó ocupar o mesmo espazo que o do enlace das dúas autoestradas. Deste modo a vida cotiá da veciñanza quedará absolutamente prexudicada non só polo impacto directo que provocará a construción da infraestrutura ó lado das nosas casas senón tamén polas consecuencias a longo prazo no tocante ó illamento entre as aldeas, a afectación das augas dos pozos, a desaparición de parcelas e con elas opcións de ampliación das poboacións e a redución de solo agrícola, o efecto visual dos barrancos e viaductos, a perda de atractivo turístico da zona, así como a contaminación acústica.

Fermosos soutos, carballeiras e bosques de ribeira que conforman o noso entorno quedarán arrasados (fotos 1,2,3). O noso patrimonio arquitectónico verase na sombra dunha vía de alta capacidade, algúns exemplos son a igrexa de San Eusebio da Peroxa (foto 4), igrexa de San Xoán de Coles (foto 5) e o Pazo da Silva (foto 6).

O que podería ser un lugar onde vivir coa comodidade dunha cidade moi próxima pero cos encantos e vantaxes da vida rural, converterase nun territorio destinado ó progresivo despoboamento pola falta de atractivo rural, agrario e paisaxístico.

O noso abraio e decepción acentuáronse cando, despois de coñecer as noticias do trazado que destrozará o noso entorno, descubrimos que non só é innecesario senón que non ten xustificación pois coa execución da A-56 Lugo-Ourense e a da A-72 Monforte de Lemos-Chantada, cuxo estudo informativo tamén está aprobado; xa quedan perfectamente conexionadas todas as poboacións da zona oriental de Ourense que reclaman a construción da autoestrada.

¿Que necesidade existe de destrozar a Ribeira Sacra e inundar o concello de Coles con quilómetros de asfalto para comunicar Monforte e Ourense por dúas autoestradas? O aforro de tempo entre Monforte e Ourense pola A-76 será de escasos minutos respecto ó trazado entre Monforte-Chantada-Ourense polas A-72 e A-56. Debemos preguntarnos sobre a necesidade de establecer novas comunicacións nun tramo que xa quedará comunicado, cales son os custos e cales os beneficios, a grave destrución que esta infraestrutura vai producir na nosa fauna e flora autóctona, de valor e beleza incalculable, a expensas de gañar uns moi escasos minutos de reloxo.

foto1coles

Foto 1

foto2coles

Foto 2

foto3coles

Foto 3

foto4coles

Foto 4

foto5coles

Foto 5

foto6coles

Foto 6

A Greleira Viaxeira

IMG_3793

Greleira era o nome usado pra denominar á camisa en barallete, o argot usado polos afiadores ourensáns.

Moitas das aldeas afectadas polo paso da A-76 pola Ribeira Sacra pertencen a Nogueira de Ramuín, terra de afiadores. O feito de usar o barallete no nome desta acción é  unha pequena homenaxe a todos eles que viaxaron e levaron a súa xerga e costumes alén das nosas fronteiras.

Coa Greleira Viaxeira queremos dar a oportunidade a todos os que vos atopades fóra por motivos de traballo, estudos ou que sodes fillos ou netos de emigrantes, pra poder expresar o voso rexeitamento ao paso da A-76 pola Ribeira Sacra.

Tamén os que alguna vez visitástedes ou vivides na Ribeira Sacra e sabedes que esto é un verdadeiro paraíso natural que debe ser protexido así como pra os que a coñecedes a través da televisión, libros, internet ou outros medios, e pensades ca nosa loita ten sentido.

As veces hai pequenas accións que están cheas de contido. Esta é a finalidade da Greleira Viaxeira: achegar un problema que a priori parece local e demostrar os nosos políticos que eles tamén deben tomar conciencia da especial fraxilidade desta xoia natural.

Inda que a idea orixinal era facer a “camiseta viaxeira”, de ahí o nome desta acción, plantexamos a necesidade de ampliar este proxecto pra dar cabida a máis xente. Así que con camiseta ou co noso logo que podes descargar e imprimir eiquí, envía a túa foto á dirección de correo electrónico pcontraautoviaribeirasacra@gmail.com e será publicada neste blogue e en redes sociais.

O punto de partida desta acción é a Penalba, concello de Nogueira de Ramuín,  unha das zonas máis afectadas polo paso da A-76 pola RS  e a aldea onde xurdíu a nosa plataforma.

Esperamos as vosas fotos… (Recibidas xa algunhas! Visita a nosa galería da Greleira Viaxeira).

Grazas!

 LOGO Plataforma

Un ano de loita. Toca facer balance…

Hoxe cúmplese un ano dende que os veciños e veciñas de Nogueira de Ramuín nos enteramos por azar da triste nova de que o trazado da autoestrada A-76 ía atravesar as nosas aldeas e parte do territorio da Ribeira Sacra, candidata a Patrimonio da Humanidade, así que toca facer balance…

Un ano de loita, que se dí pronto, no que non podemos máis que dar GRAZAS e manifestar o noso orgullo, posto que co voso apoio e a axuda de todos e todas vos, son moitos os pequenos pasos que levamos dado na procura dunha alternativa máis sensata para este proxecto, que trate de preservar o valor patrimonial, natural e social da Ribeira Sacra.

365 días de traballo e colaboración co que conseguimos o apoio de moitas das institucións afectadas tais como a Deputación de Ourense, o Concello de Nogueira de Ramuín (aínda que un apoio tardío e moi insuficiente…), os Concellos de Coles e a Peroxa e o Valedor do Pobo xunto co seu equipo técnico, ademáis do firme compromiso da Ministra de Fomento, Ana Pastor, de abrir o período de exposición pública para o tramo de Monforte a Ourense, que convén recordar, nunca estivo exposto como tal.

Non é o caso da Xunta de Galicia que, por máis citas que temos pedido dende fai meses co señor Presidente Alberto Núñez Feijóo, o anterior Conselleiro de Cultura Xesús Vázquez e o delegado da Xunta en Ourense Rogelio Martínez, parece que a cousa non vai con eles… Porque non podemos crer que a estas alturas aínda non se fixesen eco das nosas reivindicacións… Tendo en conta ademáis que o señor Feijóo é veciño da zona… Esperamos que, antes de maio, algún deles poida recibirnos, porque, dicimos nós, alguna opinión terán ao respeto… ou é que non lles afecta que un dos valores máis importantes en Galicia como é a Ribeira Sacra vaia a sucumbir baixo o asfalto? Ven Fomento, mételles unha autoestrada no territorio do que son representantes públicos e de verdade que eles non teñen nada que dicir? Enfin…

Qué todavía nos queda tempo de loita por diante, polo que unha vez máis dende aquí agradecémosvos que continuedes ao noso lado, porque estamos convencidos e convencidas de que xuntos, habémolo conseguir!! E que algún destes días, o sentido común primará neste asunto.

Polo de pronto, esperamos que en breve, Fomento abra ese período de alegacións para que poidamos empezar a exercer o noso dereito á defensa do noso patrimonio, un patrimonio de TOD@S.
#RibeiraSacraPatrimonioHumanidade

reunion.ana.pastor.manuel.baltar.e.representantes.plataforma.NON.A.76.01