Ai o Concello ben se sabe de quen é #Maios

Como xa sabedes, onte domingo día 4 estivemos nos Maios de Ourense na Rúa do Paseo, acompañando o noso maio con forma de pipote e coa muxega e cantando as coplas. Un día de ledicia, diversión e moita reivindicación. Finalmente, non gañamos o premio do concurso organizado polo Concello de Ourense pero sí temos un diploma de participación do que estamos moi orgullosos, porque veu cargado do apoio e o cariño de moita xente que se achegou onda nós durante todo o día. A todos vós, dende aquí, moitísimas GRACIAS. 

Queremos aproveitar ademáis para dar a Noraboa aos gañadores: Maio Artístico para O Arado, Maio Enxebre para Ceibar e Maio Escolar para as crianzas Ronda Auriense e a A Bela Auria polas súas coplas. Felicitacións tamén para o resto de participantes, un gran traballo! Moi bonitos e logrados tódolos maios! Para o ano que ven, como se soe dicir, máis e mellor!

O día anterior participamos tamén nos Maios do noso Concello de Nogueira de Ramuín. Estivemos varios veciños coas súas creacións cantando as coplas pero nin o noso Alcalde nin a Concelleira de Cultura se dignaron a facer acto de presenza no evento. Ante tal situación, non podíamos máis que indignarnos de novo, e por iso onte en Ourense, improvisamos unha canción que tivo moito éxito entre a xente e que queremos compartir con vós aquí. Trátase dunha versión da «Chiviña» que titulamos:

«Ai o Concello ben se sabe de quen é»

Eiqui traemos o maio
dende a nosa ribeira
somos de Viñoás
e tamen da Carballeira.
AI O CONCELLO BE, BE, BE,
AI O CONCELLO BEN SE SABE DE QUEN É (bis)
Nos che somos da ribeira
nos che somos ribeiráns
e por nada diste mundo
nos deixamos amolar.
AI O CONCELLO BE, BE, BE…
O alcalde de Nogueira
non sabe non contesta
pasaralle como á Infanta
que de amor vaiselle a testa.
AI O CONCELLO BE, BE, BE…
Non baixou a Ribeira
non nos deu explicacións
a de vir de mellor gana
o dÍa das eleccións.
AI O CONCELLO BE, BE, BE…
Vos queredes autoestrada
nos a temos que rillar
pero tede algo claro
ides ternos que escoitar.
AI O CONCELLO BE, BE, BE…
Eiqui temos un bo viño
tamén temos monumentos
e se eso fose pouco
unha xente que é un portento.
AI O CONCELLO BE, BE, BE…
Veñen xa as eleccións
xa veremos o que pasa
o millor xa de repente
aparecemos no mapa.
AI O CONCELLO BE, BE, BE…
Eiqui ven a despedida
isto si que non é broma
quero espertar do soño
e ver a autoestrada fóra.

Invitámosvos a todos a aprendela e para elo, deixámosvos aquí un vídeo que nos pasaron de onte cando a cantábamos para que aprendades o ritmo tamén se non o sabíades.

Ademáis, gustaríanos pedirvos que nos axudárades a completala inventando novas estrofas, para poder ir variando de vez en cando e cantándoa noutras ocasións. Se vos animades, podedes enviárnoslas por Facebook ou deixando aquí un comentario ou vía mail a pcontraautoviaribeirasacra@gmail.com. As mellores estrofas ao mellor teñen premio… 🙂  Así que dade renda solta a vosa creatividade. Igual a convertimos no noso himno. Grazas pola vosa colaboración!!

Na páxina do xornal da Región podedes tamén votar polo noso maio e optar a diversos premios nun sorteo.

Tedes ademáis un Albúm de Fotos dos Maios en Facebook

Deja un comentario