O Pazo de Celeiros, patrimonio afectado pola A-76 (II)

pazo celeiros

O Pazo de Celeiros atópase situado na aldea do mesmo nome da parroquia de San Xosé da Carballeira (concello de Nogueira de Ramuín) a uns 15 Km. da cidade de Ourense.

O edificio está dentro do núcleo de poboación, na marxe esquerda da estrada Ourense-Monforte, da que o separa un patio-xardín cun muro de cerramento. Arredor hai ladeiras moi pendentes, reforzadas por calzadas onde medran as cepas, prolongadas por un monte frondoso de carballos e castiñeiros.

IMG_9285

IMG_0855

A data de construción do pazo sitúase no século XIX e o seu fundador foi o cóengo D. Xoán Martínez. Na actualidade atópase habitado e ten como uso o de vivenda habitual.

É un edificio de planta cuadrangular con patio interior con solaina no contorno (precedida dunha escada con dous tramos) e está construído en perpiaños ben labrados e de excelente calidade.

A porta principal comunica co patio a través dun vestíbulo e no interior atopámonos con dúas plantas separadas por unha imposta que presentan unha gran regularidade no seu conxunto. As fiestras son rectangulares, contando con “portas de ar” con forxados de ferro.

Ten unha cuberta con catro augas onde se ergue unha gran cheminea duns tres metros de altura rematada en cornixa con catro remates a xeito de pirámide.

O pazo conta cun pombal e cunha capela separada da casa dedicada a San Xoán.

IMG_9295

Os propietarios do pazo son descendentes do ensaísta e polígrafo da primeira ilustración española Frei Benito Jerónimo Feijóo e Montenegro, nado en 1764 no pazo de Casdemiro no cercán concello de Pereiro de Aguiar.

 V. Barber.

O Pazo da Seara, patrimonio afectado pola A-76 (I)

Iria 2

O Pazo da Seara atópase situado na parroquia de San Xosé da Carballeira (concello de Nogueira de Ramuín) a uns 14 Km. da cidade de Ourense.  Conta cunha extensión de sete hectáreas rodeadas de prados e árbores e sen relación inmediata con ningún núcleo de poboación.

O seu propio nome indica que é unha zona pouco apta para o cultivo e pola súa posición no val que forma o Miño, despois da súa unión co Sil e o Búbal nos Peares, fai que se atope nun ambiente agrícola de costas intensamente cultivadas -as bocarribeiras- das que se obtén centeo e viño.

A data de construción da edificación está fixada no ano 1717 e a familia Ulloa Somoza é a súa fundadora, como indica unha inscrición labrada na fachada, representándose as súas armas nun dos escudos.

10410397_10204927461455462_8603011708942510678_n-2

IMG_9259-2

IMG_9244

A entrada principal do edificio está orientada ao S.O. e a construción responde ao prototipo de vivenda señorial rural, cunha finalidade agrícola e gandeira. A edificación presenta unha planta en forma de U, con patio interior rectangular pechado cara o exterior por un grande muro de pedra e cun torreón nunha das esquinas. Unha gran porta abre o paso cara a solaina que rodea tres lados do patio co que se comunica cunha escada de apenas sete pasos.

No tellado érguese unha cheminea de gran tamaño, rematada con pirámides e bolas, que se corresponde coa da cociña e que foi construída en 1819.

Na fachada traseira ábrense dúas portas rodeadas por molduras barrocas, presentando na parte superior dunha delas unha fornela cunha imaxe de Santo Antón. O edificio contén unha capela, de planta rectangular e chan empedrado, que se sinala por unha espadana sobre o tellado e que no seu interior contén tres interesantes retablos barrocos tallados en madeira de nogueira sen policromar.

IMG_9245-2

                  10355835_1562141164015013_1377070166195261654_n

Moi preto da casa hai unha fonte de pedra ornamental, un hórreo de pedra e madeira, un estanque, un alpendre, unha adega e un pombal. Toda a finca se pecha cun muro de  cantería que remata nos ángulos cunhas garitas cilíndricas de cuberta cónica.

Fonte da Seara, tesouro escondido

 No lugar existe unha lenda segundo a cal este pazo foi edificado coa pedra do mosteiro de San Vicenzo, situado nunha aldea próxima pertencente á mesma parroquia. Por outra banda, compre dicir que na novela de Otero Pedraio Os camiños da vida faise unha maxistral descrición do pazo e da vida dos seus habitantes.

               10406673_1565042003724929_6407148991742234435_n  IMG_9268-2

 

V. Barber  

 

Firma pola defensa do Pazo da Seara e da Ribeira Sacra: https://www.change.org/p/no-a-la-autov%C3%ADa-a-76-por-la-ribeira-sacra-por-la-defensa-de-un-patrimonio-milenario