Coles: un concello gravemente afectado polo paso da A-76

Coles - Vista Xeral

Coles – Vista Xeral

O pasado sábado varios membros da Plataforma contra a A-76 pola Ribeira Sacra estivemos reunidos con veciños e veciñas do concello de Coles para poñermos en común as problemáticas concretas que suporá a construcción da autoestrada A-76 ao seu paso pola zona.

Compre destacar a singular problemática que posúe este Concello pois sufrirá o paso de dúas autoestradas que descorrerán case en paralelo polo seu territorio: a A56 (Lugo-Ourense) e a A76 (Ponferrada-Ourense).

Aldeas como A Silva, Trasdorrío, Mira de Cima, Ferreiros, Cima de Vila, Izás, Pol ou Paradela sufrirán as consecuencias da construcción da A76 que ao longo do seu trazado romperá e atravesará diversas poboacións afectando incluso a vivendas particulares.

No caso das aldeas de Sequeiros e Seoane a afección terá maior impacto xa que é o lugar onde está proxectado o enlace que unirá as autoestradas A-76 (Ponferrada-Ourense) e A-56 (Lugo-Ourense), o que icluso podería producir a desaparición destas poboacións.

Detalle trazado autoestradas A-76, A-56 e A-72

Detalle trazado autoestradas A-76, A-56 e A-72

Unha das conclusións ás que se chegou na reunión é que se fai bastante incomprensible que o concello de Coles teña que sufrir o impacto destas dúas autoestradas cando a A-56 (Lugo-Ourense), xa aprobada e en execución, e a A-72 (Chantada-Monforte) converten o tramo da A-76 (Monforte-Ourense) nun innecesario despilfarro de recursos públicos e nunha agresión social, patrimonial e medioambiental.

Desde a Plataforma quedamos moi satisfeitos co resultado desta xuntanza, posto que ainda que xa contabamos co apoio do concello de Coles tras unha moción presentada por este no mes de maio, facíase moi necesario intercambiar impresións coa veciñanza.

 

 

 

 

Anuncios

Carta aos Reis Magos #NogueiradeRamuín

Deixámosvos eiquí unha carta aos Reis Magos que nos fai chegar un neno de Nogueira de Ramuín (Ourense) e aproveitamos para desexarvos a tod@s unhas Felices Festas! Os nosos mellores desexos para o ano 2015, a ver se entre tod@s conseguimos por fin unha alternativa para a A-76 pola Ribeira Sacra.

IMG-20141214-WA0009

                                                                                     Forno Vello 15 de decembro 2014

                       Queridos Reis Magos,

            Sinto non poder asistir á recepción que terán vostedes na casa do concello de Nogueira de Ramuín. Por se non están enterados, aproveito para lles informar que esa non é a casa dos veciños, é un cortixo particular e privado. Alí manda o Sr. Alcalde, ou eso dín, anque as malas linguas, e as boas tamén, dín que quen manda é a Secretaria.

            Meu pai dí que xa esta farto de tanto protocolo, que teñen máis pompa que os Borbóns, e menos vergoña aínda. E eu penso que algo de razón terá, porque para ver as súas maxestades, queren que o solicitemos no concello por escrito, pedir unha instancia, cubrila e presentala antes do día 31 de decembro. E logo, darán acreditación?

        Será pola afluencia masiva de público. Neste concello estáse a poñer a cousa moi difícil, eso, e tendo en conta os poucos nenos que somos de 0 a 10 anos… non sei se lles compensará facer tanta viaxe para tan parco evento.

            Teñan en conta que as carreteiras sonlle fodidas, perdón! Quixen dicir fastidiadas, eso que como dí meu pai, o Sr. Alcalde tentounos meter unha autoestrada polo medio do pobo, chámanlle A-76…se alomenos servise para que as súas maxestades chegasen antes… non estaría mal, pero claro, non creo que vostedes esten pola labor de adiantar a data do reparto, pois por exemplo para o 29 ou 30 estaría ben.. non si?

            Por eso que se estes pailáns, con perdón, na súa carta lles pediron unha autoestrada, fáganlles como me fixeron a min o ano pasado, e un saquiño ben cheo de carbón non lles virá mal, como dí meu pai, para facer orella, pois portar, portar.. non se lles portaron nada ben, e explícolles:

  • Non lles atenden os veciños, vivenlle noutro nivel!! e cando o fan, sempre con cara de can ou ferreiro, segundo o día, dí meu pai que cando contan unha verdade, caelles un brazo, e de momento non hai ninguén manco.
  • O concello, parece o corral da pacheca, moita xente a barallar e pouca a traballar. Por certo os poucos que queren traballar, non os deixan!! Non vaia ser que contaxien o resto.
  • Outros adícanse a pasear cos coches do concello os días libres e fins de semana, claro…como está o gasoil barato! Incluso os utilizan para os desprazamentos diarios ao seu domicilio, que a maioría ten en Ourense. Menos mal que teñen poucos coches, que se non en vez dun concello, parecería unha filial da Repsol.
  • Os cartos, de todos, dúranlle menos que unha lambetada á porta do meu cole. Sííí xa sei que a mín tamén me queima o euro que me dan os domingos para tomar o refresco, pero eu ao gastalo, alá foi, finito. Istes señores gastan o do domingo e o de cincocentos domingos máis. E non pode ser que eu, sen comelo nen bebelo, e con cinco anos, teña unha débeda de 1600 euros, mi madriña o que eu faría con todo iso…
  • A xente maior, os avós, lévanlles a casa tódolos anos polo Nadal un agasallo. Dí meu pai que nós, os cativos, temos que subir a Luintra a buscalo, previa inscripción e audiencia, e todo porque a nós os rapaces, aínda nos faltan moitos anos para poder votar…xa teño unhas ganas!!!
  • Onte saíu na prensa, que o concello de N. de Ramuín, ten un gasto en servicios sociais de 270 euros por habitante; xa que van vostedes alí,(aínda que non conten moito con que os reciba o Sr. Alcalde, elle home moi ocupado!), déixenlle recado, que pola miña parte e da miña familia, a inversión que nos toca en servicios sociais dos próximos seis anos, nola invirta en pagar a débeda, a ver se así quedamos dunha vez a cero, porque total, un peso desa inversión non o imos ver!! Daiquí a seis anos, xa estarei fóra do rango dos agraciados polas súas maxestades, terei once anos, pero cun pouco de sorte meu irmán pequeno poderase beneficiar da mellor situación económica.

     A parte do carbón, traíanlles ganas de traballar polos veciños, e vergoña, a ver se así prestan o seu  apoio incondicional na loita contra a A-76, e pídolles cabeciña para que a inversión e o gasto económico sexa máis sensato, social e racional, que tente espertar do sono soporífero no que se encontra o concello, e non conformarse con velo languidecer como ata o dagora.

      En resumo, se teñen que ir, vaian, porque os cartos vanos gastar igual, se non e en chufas será en caramelos, que non lle dan puntada sen fio!! E o próximo ano, por nós, non se sintan obrigados, pois entendemos que as cousas fanse doutro xeito. Na Penalba e Ferreirúa xa lles enviamos a carta por correo certificado, porque se a levamos o concello non temos ningunha garantía de que saian. Se tiñan pensado deixarnos a min e a meu irmán algún agasallo como adianto en Luintra, fagan o favor de decirlle a Sra. Secretaria, que os remita a sede da Cruz Bermella de Ourense, que a ven seguro haberá algún neno que o precise máis ca nós.

P.D. Se non lles gusta o licor, ese negro que fai meu pai, sen compromiso, dígano, que temos outras bebidas moito máis boas.

reis luintra

Cartaz anunciador dos Reis Magos en Luintra (Nogueira de Ramuín)

O pasado 2 de outubro

O pasado 2 de Outubro, entereime que se debatía na comisión de Ordenación Territorial da Xunta unha proposición non de lei, presentada no rexistro o día 20 de maio por Consuelo Martínez García, parlamentaria do grupo AGE por Pontevedra, na que propuña ao parlamento de Galicia, que instase ao Ministerio de Fomento a anular a variante 9 da A-76. E de non ser posible, buscar un proxecto alternativo que evitase a afección sobre calquera núcleo habitado, de modo que non deteriore o medio rural e humán da Ribeira Sacra.

A exposición de defensa da proposta por parte da Sra. Consuelo, foi moi acertada e valente, fruto da preparación, do coñecemento e da sensibilidade, proposta apoiada pola parlamentaria do BNG. Non podo dicir o mesmo do resto de parlamentarios da comisión, pois votaron en contra da proposta PP, PSG e a parlamentaria do grupo mixto a Sra. Carmen Iglesias Sueiro, que naceu en Ourense, mestra, e ligada a EU (dous votos a favor, 11 en contra).

Non se trataba de parar a execución da autoestrada, simplemente, pedíase que non afectase a núcleos habitados, habitados por PERSOAS, … Srs. Parlamentarios, son vostedes conscientes do que realmente rexeitaron na comisión?.! Xa vedes o que lles importan as persoas que vivimos no rural!, Casi nada! Qué lixeireza, qué desprezo máis arbitrario! ¿cómo lles vai importar que se destroce unha parte da Ribeira Sacra?. Mirando para outro lado, están vostedes promovendo o desafiuzamento do rural, xa de por sí castigado e penado polas administracións locais.

Por máis voltas que se lle dé, non cabe na cabeza de ninguén. Cómo é posible, que estas persoas que ocupan un posto relevante na administración, elexidos por todos nós para gobernarnos e velar polos intereses do pobo, teñan a desfachatez de ningunearnos, sen inmutarse ante tales aseveracións. Istes yihadistas do rural , vadulaques encadeados os intereses partidistas, servos das grandes empresas, tentan convencernos con discursos babilónicos, argumentos efímeros e rastreiros da necesidade de antepoñer os intereses xerais, ao localismo dunha minoría.

O interese xeral, é o que cambia a Alternativa 7 (a mellor valorada polos técnicos e pola empresa encargada do proxecto) por unha nova que estraga kms de ribeira do Sil e do Miño, para converterse nunha autoestrada de terceira, cunha velocidade media de 80 km/h, e curvas limitadas a 70 km/h.?

É interese xeral, resolver o trazado cunha alternativa nova, que non pasa por un período de exposición pública, a pesares do gravísimo impacto ambiental que provoca na Ribeira Sacra?

É interese xeral, que os veciños de tres parroquias de Nogueira de Ramuín teñamos que resignarnos a sufrir a indefensión e desinformación da administración local durante todo o proceso de información pública?

É interese xeral, que se desvíe o trazado para salvar unha viña en Valdeorras, e que se nos intente sustraer o dereito a defender as nosas casas e a paixase de todos?

Esten tranquilos Srs. Parlamentarios, non lles pedimos cartos, non sufran, e moito menos esmola. Exisimos os nosos dereitos, e rigor, argumenten o seu voto, e non nos condeen sen antes podernos defender.

Iste trazado e incompatible coa Candidatura a Patrimonio da Humanidade da Ribeira Sacra, e SÍ Sr. Gomez Alonso, aínda que lle pese, a autoestrada proxectada A -76 pasa pola Ribeira Sacra, afectando a Rede Natura 2000, concretamente o LIC canon do Sil. Cando se aventure a facer declaracións demagóxicas, tan de moda no mundillo político, pense que ai xente a que non lles valen os trucos de prestidixitador barato, ou  de quincalleiro resabiado, pois e tan sinxelo como abrir as ferramentas das que tamen dispon a Xunta (Visor Sixpac) para comprobar que na desembocadura do Sil no Miño, e dentro da zoa protexida polo LIC, esta proxectado un viaduto de 461 m de longo, que salva o río Sil a unha altura de 160m sobre o mesmo! Impresionante, que un enclave desta natureza, teña que claudicar pola impericia e cabezoneria do xenero humán! Entérese.

Neste país, algunhas persoas, teñen o vicio ancestral de xogar a “move-los marcos”, e esta vez, a Xunta, respaldando a decisión do Ministerio de Fomento, tentaron colarnos a A -76 pola Ribeira do Miño, retirando os marcos do mapa da Rede Natura 2000 (lic canon do sil) cara o interior; peero…, pilláronse as mans, pois quedoulle unha beira do mapa sen retranquear. Logo dirán que só afecta a un anaco, ou que foi un erro topográfico… que sei eu. Poñan o marco onde o poñan, o dano vai ser o mesmo. Os ríos, non van cambiar de sitio.

E voltando os localismos, Srs. Parlamentarios, que consideran vostedes como localismo?

As lexítimas reivindicacions de 10, 20, 50 ,100 … 10000 habitantes?

A consideración como patrimonio da HUMANIDADE dun territorio tamén e localismo?

Localismo, tamén é a xestión que facemos na miña casa, pero presumimos de demócratas, escoitamos e discutimos tódalas discrepancias e suxerencias (esto non me gusta… non quero a sopa… comprame esto ou estoutro…) e despois de meditalas concienzudamente e valoralas, tamen as resolvemos primando o interese xeral, eso sí, sempre e cando as decisións non beneficien a alguén en detrimento de outros.  A base primordial de toda convivencia, e saber tomar decisións consensuadas, sobre todo cando afectan a tódolos que vivimos baixo o mesmo teito.

Déixense de choutar balóns fóra, e teñan a decencia de facer o seu traballo con rigor e seriedade, dense unha volta pola Ribeira Sacra, que como verán esta tan verde coma vostedes en coñecemento da zona; síntana, disfrútena, pois é lugar imcomparable para a relaxación e a reflexión. Reflexionen, e se teñen capacidade para obrar con sentimento, como “persoas” sen ataduras, rectifiquen, saquen a cabeza da terra, ou metana, deisen de se enrrocar, e cando menos, escoiten, informense, e despois discutan no parlamento, porque unha boa decisión se é consensuada, o día seguinte é historia, pero as malas, como as palabras, son as que lastran os feitos e perduran no tempo. Alá vostedes, se son quen de soportar tal lousa no lombo.

Poderánse tornar os ríos e regatos, estragar as súas ribeiras, poderán fender a fraga, achandar os socalcos da ribeira, arrincar carballos e viñas.. pero o que non poderan minar nunca, e o orgullo e a teima do pobo.

Benchodixen.

IMG-20140414-WA0058

Axúdanos a frear este desastre medioambiental, cultural e humán: https://www.change.org/p/no-a-la-autov%C3%ADa-a-76-por-la-ribeira-sacra-por-la-defensa-de-un-patrimonio-milenario