Charla e apuntes sobre a afección da A-76 pola Ribeira Sacra

fotomontaxe reunión

Fai uns días como xa vos comentamos a Plataforma contra a A-76 pola Ribeira Sacra contou coa presenza do enxeñeiro de camiños e veciño da zona Jorge Fernández Soto, que ofreceu unha interesante charla sobre as posíbeis afeccións que produciría esta autoestrada ao seu paso pola Ribeira Sacra.

Ao longo da súa intervención falou das consecuencias medioambientais, sociais e económicas que podería acarrear o trazado actual desta infraestrutura.

A continuación deixámosvos un documento cun pequeno resumo que nos achegou Fernández Soto sobre os aspectos máis salientábeis tratados na súa exposición agradecendo  dende eiqui de novo a súa colaboración.

Asemblea 30 abril 2016 Exposición Técnica Jorge Fdez Soto pdf

Saúdos! e a seguir!

Anuncios

ALEGACIÓNS CONTRA A A-76 NO PXOM DE NOGUEIRA DE RAMUÍN

Na xuntanza informativa da Plataforma contra a A-76 pola Ribeira Sacra celebrada o pasado sábado 30 de abril contamos coa presenza do enxeñeiro de camiños, e veciño da zona, Jorge Fernández Soto que explicou polo miúdo as graves consecuencias que terá o proxecto desta infraestrutura nas parroquias de Viñoás e A Carballeira trala aprobación do novo PXOM que está a promover o concello de Nogueira de Ramuín.

O proxecto do PXOM, que actualmente se atopa en fase de exposición pública e período de alegacións, ademáis de traer reflectido nos planos a reserva de solo para a autoestrada, contempla na súa memoria unha xustificación sobre a necesidade desta infraestrutura incluíndoa como un factor que pode “sentar un alicerce dun cambio de tendencia poboacional no concello” e que será unha canle de “entrada e saída para os fluxos de capital, emprego e persoas”.

Na reunión acordouse presentar alegacións ao actual PXOM nas que se poña de manifesto a total oposición da veciñanza á A-76, que se retire da memoria a defensa desta infraestrutura e se inclúan expresamente os graves perxuízos que esta autoestrada causaría na zona desde o punto de vista social, económico e medioambiental.

Por outra banda, tamén se acordou instar ao Pleno do Concello a que se manifeste clara e rotúndamente en contra do paso da A-76 por Nogueira de Ramuín.