Ano novo, loita nova…Feliz 2017

O 2016 foi un ano no que a interinidade dun goberno en funcións fixo que pouco se puidera avanzar no cumprimento das nosas reivindicacións, mais con todo dende a Plataforma contra a A76 pola Ribeira Sacra mantivemos a nosa loita ao longo de todo o ano.

Unha das accións máis destacábeis foi a elaboración e presentación das alegacións contra o PXOM de Nogueira de Ramuín no que a autoestrada aparece como un elemento beneficioso para o desenvolvemento do Concello sen que se entre a valorar os graves prexuízos que acarearía esta infraestrutura dende o punto de vista social, económico e medioambiental.

Tamén se fixeron un par de charlas informativas moi interesantes. Unha na que se falou sobre as posíbeis afeccións que produciría o trazado actual da A76  e outra na que se fixo un percorrido pola historia e o patrimonio da Ribeira Sacra.

Dende a Plataforma contra a A76 Pola Ribeira Sacra agardamos que o vindeiro ano se podan dar pasos definitivos para acadar as nosas reivindicacións.

Felices festas e Feliz Ano 2017 para todas e todos.