Novas da Asemblea da Plataforma

DSC_3845

Onte na Plataforma mantivemos unha asemblea para expoñer as accións realizadas ata o momento e trazar as liñas de actuación futuras. Tras informar das accións levadas a cabo, tomouse a decisión de manter a identidade do colectivo sen adherirnos de forma permanente a outras plataformas como se estivera a barallar nas últimas semanas.

Tamén se aprobou seguir realizando accións conxuntas e seguir levando a cabo manifestacións de apoio a outras asociacións e plataformas afíns con similares obxectivos.

Coma viñemos facendo, dende a Plataforma estamos abertos a escoitar propostas de tódolos partidos políticos que se sumen á nosa causa, mantendo sempre o noso apartidismo.

Xa sabemos que hai colectivos e asociacións que teñen un acceso máis completo tanto á información global da autovía coma ao impacto da obra e á afectación de tramos concretos. Valoramos moi positivamente as súas reivindicacións sobre outras problemáticas que presenta o trazado de A-76 e apoiamos as súas iniciativas.
Nós non podemos entrar a valorar a necesidade ou non de toda a infraestrutura, pois non nacemos con ese obxectivo e non temos nin os medios nin os coñecementos específicos para avaliar o conxunto da obra.

Seguiremos defendendo a Ribeira Sacra facendo todo canto está na nosa man. O principal motivo polo que non nos adherimos a unha macroplataforma é que nacemos dun caso moi específico e non queremos perder a nosa identidade. Esta identidade xorde de dous factores concretos: ter sufrido unha clara indefensión na fase informativa do proxecto e que un dos tramos da A-76 afecta directamente a núcleos de poboación.

O obxectivo continúa sendo conseguir un proxecto alternativo, que evite a afección sobre calquera núcleo habitado e que non destrúa o medio natural e humano da Ribeira Sacra, defendendo unha Ribeira Sacra candidata a ser Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Unha alternativa máis sensata ao trazado actual que preserve o seu valor patrimonial e natural.

“Queremos seguir tendo voz propia, que non se dilúa a nosa mensaxe. Isto non impide que esteamos todos no mesmo barco e remando na mesma dirección.”

Anuncios