Coles: un concello gravemente afectado polo paso da A-76

Coles - Vista Xeral

Coles – Vista Xeral

O pasado sábado varios membros da Plataforma contra a A-76 pola Ribeira Sacra estivemos reunidos con veciños e veciñas do concello de Coles para poñermos en común as problemáticas concretas que suporá a construcción da autoestrada A-76 ao seu paso pola zona.

Compre destacar a singular problemática que posúe este Concello pois sufrirá o paso de dúas autoestradas que descorrerán case en paralelo polo seu territorio: a A56 (Lugo-Ourense) e a A76 (Ponferrada-Ourense).

Aldeas como A Silva, Trasdorrío, Mira de Cima, Ferreiros, Cima de Vila, Izás, Pol ou Paradela sufrirán as consecuencias da construcción da A76 que ao longo do seu trazado romperá e atravesará diversas poboacións afectando incluso a vivendas particulares.

No caso das aldeas de Sequeiros e Seoane a afección terá maior impacto xa que é o lugar onde está proxectado o enlace que unirá as autoestradas A-76 (Ponferrada-Ourense) e A-56 (Lugo-Ourense), o que icluso podería producir a desaparición destas poboacións.

Detalle trazado autoestradas A-76, A-56 e A-72

Detalle trazado autoestradas A-76, A-56 e A-72

Unha das conclusións ás que se chegou na reunión é que se fai bastante incomprensible que o concello de Coles teña que sufrir o impacto destas dúas autoestradas cando a A-56 (Lugo-Ourense), xa aprobada e en execución, e a A-72 (Chantada-Monforte) converten o tramo da A-76 (Monforte-Ourense) nun innecesario despilfarro de recursos públicos e nunha agresión social, patrimonial e medioambiental.

Desde a Plataforma quedamos moi satisfeitos co resultado desta xuntanza, posto que ainda que xa contabamos co apoio do concello de Coles tras unha moción presentada por este no mes de maio, facíase moi necesario intercambiar impresións coa veciñanza.

 

 

 

 

Por vós, por nós e polo que é noso! Porque #TodosSomosRibeiraSacra

cepas32

Onte foi un día triste para min. Levanteime con esta lamentable noticia: “A candidatura a Patrimonio da Humanidade inclúe 58 das 99 zonas de viñedo da Ribeira Sacra“.  As nosas sospeitas confirmábanse. A Comisión de Seguimento reunida a pasada semana en Monforte de Lemos exclúenos do “mapa provisional” proposto para a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. De feito, curiosamente, e como cabía esperar, ningunha das zonas afectadas polo futuro  trazado da autoestrada A-76 figuran recollidas neste borrador. Somos a excepción, que confirma… non a regra, senón os intereses de moitos en que este desastre medioambiental e humano vaia adiante. Non nos consideran parte de esa “Ribeira Sacra” con dereito a ser recoñecida.

Que me digan na cara que os viñedos en bancais do meu avó non forman parte de ese patrimonio, que os seus 77 anos e dende que era un neno lle levan dado tanto traballiño: podar, estacar, atar, refollar, sulfatar e facer a vendima no mes de setembro. O que custa baixar os sacos no ombreiro dende alá arriba, e máis coa súa idade. Sorte que agora as veces ten a nosa axuda. Porque non temos a tecnoloxía das grandes adegas, pero sí moitas ganas e moito cariño, o que nos permite levar unha botella de bo viño “da casa” a nosa mesa, cada ano un pouco mellor. Que me digan, que a nosa Capela da Costria, un ben cultural protexido, do século XVIII, o redor da cal se celebran moitas festas e que xa sufriu as consecuencias do asfalto no seu día, non merece estar a altura doutras igrexas. Que me digan que un Parador e máis digno que un pequeno Hotel con encanto, vistas o Miño, cociña caseira e Q de calidade turística, rexentado por unha estupenda familia emprendedora. Que me digan que a desembocadura do Sil, espazo recollido en Red Natura 2000 da UE non ten importancia. Ou os restos romanos que percorren todo o curso deste mesmo río.

Pero o peor de todo isto, é que o noso Alcalde estivo presente e tomou parte, nesta casual decisión. Pero qué lle importa a el?…

Qué lle importamos os de alá abaixo. Qué lle importa que sexamos porta de acceso ao centro neurálxico do Concello, por onde pasan centos de turistas cada verán para ir o Catamarán ou a Santo Estevo. Qué lle importa que unha autoestrada nos atravese e deixe as nosas casas penduradas. Qué lle importa que o noso Muíño, o noso Campo da Festa, o noso local social poidan sufrir danos. Qué o noso monte e todo o noso entorno xa nunca vaia a ser o mesmo. Qué lle importa que a tía Lola os seus 92 anos non poida pasear ao sol tranquila pola Ferreirua. Ou que a Isabel non poida ir a andar pola comarcal. Qué lle importa que Helena, de 7 anos, se vaia a quedar sen a cabana que con tanto amor lle fixo o seu pai. Qué lle importa que o meu afillado de ano e medio vaia a medrar ao carón dun túnel. Qué lle importa, en definitiva, o meu avó e o seu legado. Non lle importan as NOSAS VIDAS,  nin as NOSAS HISTORIAS. Que iso si que é para nós, patrimonio da HUMANIDADE.

Non lle importamos a el. Non lle importamos á súa secretaria, nin ao Teniente Alcalde. Non lle importamos ao Presidente da Deputación nin ao da Xunta, e eso que  se supón que é o noso veciño. Non lle importamos á Comisión de Seguimento nin ao Consorcio. Nin a outros Alcaldes. Nin moito menos a Fomento. A eles, o único que lles importa, por si aínda non estaba claro, son eles mesmos e os seus propios intereses. Unha vez máis…

A sorte que temos, é que estes días, estamos descubrindo que non os necesitamos. Porque hai moita máis xente a quen sí lle importamos tamén. E así nolo estades a demostrar co voso apoio. Por vós, por nós e polo que É NOSO , lles guste ou non, seguiremos loitando! Porque #TodosSomosRibeiraSacra e faremos o que estea na nosa man para estar coma sempre, NO MAPA, porque ou imos todos a Europa, ou ninguén!!! O noso Patrimonio tamén conta!!

Solo me queda dicirche a ti, César, que se aínda pensas que nos representas e che queda algo de vergonza, fagas o favor, aínda que os “plazos” xa remataron para nós ( e para ti ) , de asumir as túas responsabilidades de unha vez por todas e dar a cara e senón, DIMITE.  Vémonos o 25 na Feira.

Firmado, mal que lles pese, unha veciña da “Ribeira Sacra”.

 

 

 

 

 

Presentámonos

Consideramos que a construción da A-76 na Ribeira Sacra pon en perigo unha zona de especial fraxilidade paisaxista, en trámite para ser nomeada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, e atenta contra a cohesión do tecido social dos núcleos de poboación afectados. No seu percorrido a A-76 rompe e atravesa diversas poboacións. Nalgunhas delas afecta a vivendas particulares, noutras a equipamentos socioculturais, lugares de reunión e de ocio infantil que se proxecta destruír.

O trazado da A-76 tamén agride o entorno da Capela da Costria, onde a comezos de setembro celébrase unha romaría moi concorrida. A nosa capela é un Ben Cultural Protexido que xa tivo que sufrir un desmantelamento cando se construíu a N-120. Agora, á N-120 e á C-546 que xa a rodean sumaranlle dous carrís mais e.. un tunel… non sexa o caso que alguén poda atopar un pouco de paz cando vaia á ermida.

Preto da capela, na aldea da Penalba, atopamos tamén un muíño. Unha desas lembranzas do noso pasado, que fala da vida dos nosos avós, do percorrido que facía o millo dende os campos ata as mesas cheas de rapaces e vida . Pois ben, os redores do noso muíño tamén converteranse nunha nova estrada de servizo.

Mais aló do muíño, na Pereira, na Forraqueira, preto de Celeiros, na Seara, atopamos unha e outra vez algunhas das paisaxes mais fermosas sobre o Miño. Paisaxes que sucumbirán baixo o asfalto e os viadutos da autoestrada.

Novas estradas, viadutos, túneles que esnaquizarán as paisaxes e ás vidas. Sen necesidade. Hai outras alternativas, mais económicas, mais ecolóxigas, mais sensatas!!

Muño_04

Muíño

Capela da Costria_02

Capela da Costria