O meu cortello e outros animais

312902_264449163666596_1080822640_n

Eiquí non bebe nin Dios!!! Dun chimpo plantouse no alto da poza, e ensinando os dentes, fixo recuar a longa cola de animais que devecían ca sede e esperaban a súa quenda para saciarse na poza. Era o único punto fresco na fraga en moitos quilómetros a contorna. A raposa facía tempo que sibilinamente andaba argallando o seu plan. Valéndose da forza do porco bravo, estiveron conspirando para sacar proveito dun recurso tan necesario e vital para tódolos animais, a auga. Era lista coma un allo, e cun olfato prodixioso para este tipo de negocios. Foi así como comezou unha relación empresarial, legalizada nunha Comunidades de Bens, administrada polo Porco e maila Raposa, que ao mesmo tempo servía de tapadeira para actividades menos lícitas.

Isto acabouse, hai demasiada liberdade, o libre albedrío rematou. A partires de agora, o que queira beber, cruzar pólos pasos da fraga, ou pacer nos mellores lameiros, terá que aboar un canon. E no tocante os excedentes e reservas, todos os animais están obrigados a depositalos nun silo xeral, que estará xestionado “preferentemente” pola nosa empresa. — Dixo o porco bravo. — Verbas que foron aclamadas e aplaudidas con gran euforia pólo seu séquito de secuaces e maleantes. Mentres, na sombra, a egocéntrica da raposa sorría o ver que o seu plan ía tomando forma.

A xefatura suprema, ostentábaa con man de ferro o sr. Da fraga, o Lobo. Animal esquivo, intelixente e tenaz. Gobernaba dende un outeiro, no máis alto da serra. Non precisaba máis ca un longo e tétrico ouvido, para poñer as cousas no seu sitio. Mentres a cousa non se desmadrara demasiado, deixaba facer, a cambio do tributo correspondente.

Así foi como o porco, ca axuda dos seus compinches o can de palleiro e o corvo, tomaron o control da fraga. Puxeron en marcha a maquinaria, recrutando un nutrido grupo de buscavidas; garduñas, furóns, raposos, xinetas… que comezaron unha presión incesante e continuada sobre o resto dos habitantes da fraga.

Aquelo deu pe a se converter nunha bacanal constante, o porco pasaba o día emborcado no seu jacuzzi particular, cuberto de lama ata as orellas. Comendo e fozando todo canto se lle puña diante. A raposa como tiña un fuciño moi fino, procuraba alonxarse destas festas, e aínda que non deixaba de aproveitarse dos beneficios que xeraba a explotación dos recursos, trataba de coidarse moito, e sempre conservaba as formas, e mostraba, aparentemente, unha limpeza pulcra das súas patas e un brillo lustroso na súa longa cola.

Cestas de uvas, ovos, mazas, cereixas, …todo era válido para incrementar o patrimonio e saciar a súa gula. O can de palleiro e mailo corvo, trataban de sisar o que podían do botín, aproveitando a folgazoneria do porco, e velándose moito de non espertar a ira da raposa. O can gostaba de facerse o parvo, circunstancia que lle favorecía, e todo canto pillaba, corría a escondelo lonxe dos dominios da raposa. Non facía o mesmo o corvo, que créndose máis listo, pavoneábase, e mostraba un nivel de vida demasiado escandaloso. Por esa fachenda, e por ter o pico demasiado largo, levou máis dunha reprimenda, pois a raposa tiña ollos e orellas en todas partes.

Seguido no escalafón deste insólito ranking de malandros, topábase o teixo. Animal perigoso e pendenciero, non facía boas migas co porco bravo, pois aos dous gustáballes de fozar no mesmo bulleiro, pero como o tamaño importa, non tiña máis remedio que recuar. Eso si, subrepticiamente, aproveitaba calquera ocasión propicia para descalificar o xefe, orquestando na sombra unha campaña de desprestixio, tentando recadar apoios entre as garduñas e as xinetas. —Por que temos que facer sempre o que el quere? Nos facemolo choio sucio mentres él foza tranquilamente no bulleiro. Deberiamos tomar medidas. —Sentenciaba. Pero…por mais empeño que puña, o consenso non chegaba.

No alto dun gran carballo, tiñan a súa morada a moucha e maila carriza, que vivían xuntas, pero non revoltas, pois a pesar de estar unha a carón da outra, tiñan as súas diferenzas. Observaban todo canto acontecía, con certa crítica e desagrado, máis coñecedoras da sua incapacidade, non tomaban parte por ningún dos bandos. O resto de animais, aínda que formaban unha ampla maioría, acataban as ordes sen opoñer resistencia; unhos por medo, outros por deber favores, ou por resignación, ninguén queria amolar a “cosa nostra” da fraga.

De cando en vez, o cortello porco-raposa CB, recibía a visita, case sempre inesperada, dalgún cargo importante. Aparte de amolalos, cobraba a maquía que lle correspondía como parte do recadado… Unhas veces era o lobo, outras un vello xabarín que ocupara anteriormente o bulleiro do porco bravo, e que din que agora se reconvertiu a gandeiro e empresario. E dís que agora, incluso se deixa caer de cando en cando, un fillo emancipado do lobo, que tenta herdar a supremacía na fraga.

Tal que así van as cousas, e en vistas de que o pastel xa non chega para tanto reparto, en xunta extraordinaria, decidiron aumentar a presión sobre os subordinados. Oes ti—díixolle a raposa a garduña. Mañan quero uns oviños frescos para o almorzo, e que sexan de galiñola, que dis que teñen menos colesterol e hai que coidarse. — E eu unhas boas mazorcas de millo, que xa estarán en comida. Engadiu o porco–. E xa de paso, non estaría mal unhas saquetas de centeo do país—graznou o corvo.

Así, a medida que aumentaba o morrofinísmo e a depravación destes crápulas, aumentaba o risco dos que tiñan que xogarse o tipo a diario asaltando galiñeiros, as leiras e os cabaceiros dos labregos. Esta situación propiciou que comezase a xerminar a indignación, aboada día a día cos abusos e desmanes da CB porco-raposa.

Temos que sublevarnos, hai que plantarlles cara. –Arengaba o chivo.– Sii!!!, xa esta ben de que mexen por nos.– Clamaba un grupo de Corzas.– Crecidos pólo clamor popular, dirixíronse ao feudo do porco e da raposa, dispostos a reclamar e esixir un trato máis digno. O chegaren, e ver o porco e os seus secuaces esperándoos, e preparados para as protestas, caíuselles a alma aos pés. —Non pode ser, alguén tivo que avisalos. — Bufaba o chivo. Como era de esperar, tamén había infiltrados a soldo no grupo de indignados. A protesta, foise esvaecendo, e acabou por disolverse o empezaren a repartir dentelladas e paus os esbirros do porco.

Pasouse a unha loita de guerrillas e escaramuzas, tentando sabotear as liñas de ingresos, e incluso, amparados pola nocturnidade, atrevíanse a destruír as construcións que limitaban o acceso a auga e a comida. Aínda que sen causaren demasiado dano. Transcorreron os meses, os anos, e pouco ou nada cambiaban as cousas, moitos, cansos da estresante vida, recolleron os bártulos e mudaron de lugar, outros non daban o brazo a torcer e continuaban nunha loita enconada contra a tiranía da CB porco-raposa, sen se decataren, uns e outros, do que acontecía de costas a fraga. Ata que un aciago día….

Aquel día non ía ser coma os demais, ameazaba choiva, o orballo da mañá deixara un doce cheiro a terra mollada, o ceo de cor plomizo tapizado polas nubes que non deixaban que o mencer acabase de espertar; momento que invitaba a non saír do cocho.

Foi así, como ao romper o día, empezaron os tronos sen lóstrego. Continuos, como un murmullo da auga na fervenza. Pouco a pouco foi aumentando ata converterse en atroz e enxordecedor.

Unha ristra de infernais animais de ferro avanzaba pola fraga, devorando canto pillaban o seu paso. A insólita procesionaria formábana bulldozzers, camións e escavadoras, que con paso firme crebaban árbores, fendían a terra, e esnaquizaban rochas e penedas. Trás de si ían deixando un rastro de destrución. Coios, pedras, e terra erma e estéril. Unha fenda que deixaría a fraga ferida de morte para sempre.

O caos era total, os animais corrían despavoridos e sen sentido, deixando atrás o fogar. O cabo do día, solo quedaba o silencio, e un novo río de formigón que pronto correría cun rumor incesante cara a vila.

As plantas secaron, os regatos e as fontes perderon os nacentes, ou contamináronse cos lodos da maquinaria, e a vida en si, esmoreceu…

A raposa incapaz de desprenderse do seu prezado tesouro, finou no fondo da poza, pois tivo que beber a auga contaminada. O teixo e mailo SR. Raposo, pensando en librar, escondéronse na urbanización subterránea que construíran… e que por suposto, non aguantou o envite das maquinas. O can de palleiro, anda a deambular polas vilas, os que foran amigos, non lle perdoan o seu pasado e as penalidades que lles fixo pasar. O corvo, na sua fuxida, acabou estrelado contra un muíño de vento, que irremediablemente trouxera o progreso.

E preguntaredes, que foi do porco bravo?

Pois,ao faltar a comida, e escasear para todos, as cousas puxéronse difíciles, presentouse unha maña o lobo, e empezou a ver o porco con outros ollos, xa non eran xefe e subordinado. Os dous eran agora vítimas do progreso, pero cunha diferenza substancial e importante, un deles aínda tería uns días máis para contalo.

A todo porco lle chega o seu San Martiño.

Benchodixen.

 

Anuncios