“O Romance do Concello”

Xa temos o noso maio case rematado!!! O seu traballiño deu pero merecerá a pena seguro. Mañá Sábado 3 de maio estaremos na Praza do Afiador de Luintra cantando as nosas coplas, e o Domingo 4 de maio na Rúa do Paseo de Ourense a partir das 12 hrs nos dous sitios. Para ir abrindo boca deixámosvos eiqui un exemplo de copla feita por unha veciña do Forno Vello, que se titula “O Romance do Concello” :

“Vouvos contar unha historia
dun concello un pouco raro
no que ninguén sabe nada
e hai segredos gardados.

Pois aconteceu un día
no que estaban despistados
que fomos ata o concello
a preguntarlles o trazado.

Mi madre, miña madriña
cousa máis imposible
pero mira rapaciña
que esa autoestrada non existe.

E dende enton ata agora
estabamos esperando
que chegasen os papeis
e nos fixeran algo de caso

E fai agora unhos días
chegou a contestación
tamén esperar un mes
pa semellante información.

Eu non che entendo de isto
pero faime sospeitar
si amañaron os papeis
para facelos cuadrar.

Eiqui remata ista historia
xa contarei o final
dun concello un pouco raro
no que ninguén sabe “NA”

Hoxe sae ademáis no xornal da Voz de Galicia unha noticia na que falan de nós, das nosas coplas e das de outros participantes dos maios de Ourense. Esperámosvos a todos!!! Achegáivos a descubrir o noso maio e a escoitar o que temos que dicir!! Qué viva a primaveira e o bo humor!!! E por suposto que viva a nosa Terra e a nosa Ribeira!!!

carrabouxos

Carrabouxos