Ai o Concello ben se sabe de quen é #Maios

Como xa sabedes, onte domingo día 4 estivemos nos Maios de Ourense na Rúa do Paseo, acompañando o noso maio con forma de pipote e coa muxega e cantando as coplas. Un día de ledicia, diversión e moita reivindicación. Finalmente, non gañamos o premio do concurso organizado polo Concello de Ourense pero sí temos un diploma de participación do que estamos moi orgullosos, porque veu cargado do apoio e o cariño de moita xente que se achegou onda nós durante todo o día. A todos vós, dende aquí, moitísimas GRACIAS. 

Queremos aproveitar ademáis para dar a Noraboa aos gañadores: Maio Artístico para O Arado, Maio Enxebre para Ceibar e Maio Escolar para as crianzas Ronda Auriense e a A Bela Auria polas súas coplas. Felicitacións tamén para o resto de participantes, un gran traballo! Moi bonitos e logrados tódolos maios! Para o ano que ven, como se soe dicir, máis e mellor!

O día anterior participamos tamén nos Maios do noso Concello de Nogueira de Ramuín. Estivemos varios veciños coas súas creacións cantando as coplas pero nin o noso Alcalde nin a Concelleira de Cultura se dignaron a facer acto de presenza no evento. Ante tal situación, non podíamos máis que indignarnos de novo, e por iso onte en Ourense, improvisamos unha canción que tivo moito éxito entre a xente e que queremos compartir con vós aquí. Trátase dunha versión da “Chiviña” que titulamos:

“Ai o Concello ben se sabe de quen é”

Eiqui traemos o maio
dende a nosa ribeira
somos de Viñoás
e tamen da Carballeira.
AI O CONCELLO BE, BE, BE,
AI O CONCELLO BEN SE SABE DE QUEN É (bis)
Nos che somos da ribeira
nos che somos ribeiráns
e por nada diste mundo
nos deixamos amolar.
AI O CONCELLO BE, BE, BE…
O alcalde de Nogueira
non sabe non contesta
pasaralle como á Infanta
que de amor vaiselle a testa.
AI O CONCELLO BE, BE, BE…
Non baixou a Ribeira
non nos deu explicacións
a de vir de mellor gana
o dÍa das eleccións.
AI O CONCELLO BE, BE, BE…
Vos queredes autoestrada
nos a temos que rillar
pero tede algo claro
ides ternos que escoitar.
AI O CONCELLO BE, BE, BE…
Eiqui temos un bo viño
tamén temos monumentos
e se eso fose pouco
unha xente que é un portento.
AI O CONCELLO BE, BE, BE…
Veñen xa as eleccións
xa veremos o que pasa
o millor xa de repente
aparecemos no mapa.
AI O CONCELLO BE, BE, BE…
Eiqui ven a despedida
isto si que non é broma
quero espertar do soño
e ver a autoestrada fóra.

Invitámosvos a todos a aprendela e para elo, deixámosvos aquí un vídeo que nos pasaron de onte cando a cantábamos para que aprendades o ritmo tamén se non o sabíades.

Ademáis, gustaríanos pedirvos que nos axudárades a completala inventando novas estrofas, para poder ir variando de vez en cando e cantándoa noutras ocasións. Se vos animades, podedes enviárnoslas por Facebook ou deixando aquí un comentario ou vía mail a pcontraautoviaribeirasacra@gmail.com. As mellores estrofas ao mellor teñen premio… 🙂  Así que dade renda solta a vosa creatividade. Igual a convertimos no noso himno. Grazas pola vosa colaboración!!

Na páxina do xornal da Región podedes tamén votar polo noso maio e optar a diversos premios nun sorteo.

Tedes ademáis un Albúm de Fotos dos Maios en Facebook

“O Romance do Concello”

Xa temos o noso maio case rematado!!! O seu traballiño deu pero merecerá a pena seguro. Mañá Sábado 3 de maio estaremos na Praza do Afiador de Luintra cantando as nosas coplas, e o Domingo 4 de maio na Rúa do Paseo de Ourense a partir das 12 hrs nos dous sitios. Para ir abrindo boca deixámosvos eiqui un exemplo de copla feita por unha veciña do Forno Vello, que se titula “O Romance do Concello” :

“Vouvos contar unha historia
dun concello un pouco raro
no que ninguén sabe nada
e hai segredos gardados.

Pois aconteceu un día
no que estaban despistados
que fomos ata o concello
a preguntarlles o trazado.

Mi madre, miña madriña
cousa máis imposible
pero mira rapaciña
que esa autoestrada non existe.

E dende enton ata agora
estabamos esperando
que chegasen os papeis
e nos fixeran algo de caso

E fai agora unhos días
chegou a contestación
tamén esperar un mes
pa semellante información.

Eu non che entendo de isto
pero faime sospeitar
si amañaron os papeis
para facelos cuadrar.

Eiqui remata ista historia
xa contarei o final
dun concello un pouco raro
no que ninguén sabe “NA”

Hoxe sae ademáis no xornal da Voz de Galicia unha noticia na que falan de nós, das nosas coplas e das de outros participantes dos maios de Ourense. Esperámosvos a todos!!! Achegáivos a descubrir o noso maio e a escoitar o que temos que dicir!! Qué viva a primaveira e o bo humor!!! E por suposto que viva a nosa Terra e a nosa Ribeira!!!

carrabouxos

Carrabouxos