Lembranzas…Convertendo o pasado en presente e futuro…

13 de marzo de 2014. Este día entereime por sorpresa, igual ca maioría dos veciños, cunha autoestrada ía atravesar varios núcleos de poboación da Ribeira Sacra, entre eles, o meu pobo. 

Unha fervenza de pensamentos fixo que a impotencia, enfado e a dor bloqueasen por momentos a miña cabeza. Comezaba a resoar  na miña mente unha e outra vez o poema de Rosalía de Castro “Adiós ríos, adiós fontes” e máis que nunca puiden sentir como propios os sentimentos reflexados nesta poesía.

IMG-20150303-WA0008

Unha  mestura de  rabia e impotencia non me deixaban pensar con claridade o que estaba a acontecer. Non podía ser cunha autoestrada estivese a piques de destruir todo o que nese momento tiña ante mín. Non soamente esnaquizaba o que os meus ollos veían, “a vista dos meus ollos”, senon que tamén asoballaban moitos dos meus recordos, sentimentos e plans de futuro.

Por un intre imaxinei a aldea onde nacera a miña nai, onde viviran os meus antepasados e onde agora vivo eu, destruída e atravesada por un túnel. Enchíanseme os ollos de bágoas ao imaxinar canto disfrutara a miña avoa coa súa horta, e como  paseaba lentamente polos camiños da Ferreirúa e as xuntanzas coas veciñas a latricar sobre o acontecido ao longo do día no “parlamento”. Doíame imaxinar a súa dor, se inda estivese con nós, ao ver o que na súa aldea ía suceder.

Tamén imaxinei que, como anos atrás pasara, os xóvenes que agora vivimos eiquí, nos veríamos forzados a emigrar á cidade porque as nosas casas de aldea convertiríanse en pezas do Scalextric co Ministerio de Fomento tiña planeado construír.

Imaxinei a dor intensa dos nosos maiores. A pena dos que levan toda a vida vivindo eiquí e a dos que tiveron que emigrar e trala  xubilación regresaron as súas casas en busca de paz e tranquilidade. Eles non  merecen esto.

IMG-20150303-WA0007

Tamén imaxinei que as nosas terras, os bancáis que con tanto esforzo e cariño traballara meu avó e agora traballa meu pai, serían pasto das obras da autovía, e onde agora hai cepas prantadas, estaría cheo de escombro, de lixo.

Recordei tamén os veráns nos que nos xuntabamos os fillos dos emigrados ás grandes urbes. Veráns inolvidables que a ben seguro a todos nos marcaron, xa que moitos dos que pasabamos as  vacacións cos nosos avós, agora vivimos eiquí, no rural, e queremos manter vivas as tradicións e modo de vida que eles nos transmitiron.

E tamén pensei nesta aldea, na que temos a esperanza de ver crecer aos nosos fillos, transmitíndolles o valor e riqueza da nosa terra, igual que fixeron e inda fan, os nosos maiores con nós.

Sentinme unha vez máis completamente defraudada coa clase política, xa que os mesmos que cas súas verbas queren convertir á Ribeira Sacra en Patrimonio da Humanidade e predican o retorno ao rural, son os que cos seus actos anulan estas verbas. Sentinme desprotexida, enganada e indefensa, e decaiteime cos que se supón que nos representan, soamente representan os seus intereses.

Xa pasou un ano case dende que nos enteramos da noticia, e botando unha ollada atrás no tempo, síntome orgullosa dos meus veciños xa que co seu  esforzo, loita e dedicación, están a conseguir moitos avances e a cumprir obxectivos que nun principio parecían inimaxinables. O importante é seguir, seguir en pé, e por sorte eiquí cada día somos máis e estamos máis erguidos, unidos e con máis forza.

Convencida de que a unión fai a forza, e de que quero seguir vivindo no rural e do rural, respetando o legado dos nosos antepasados,  mantendo as tradicións que eles nos ensinaron e convertindo estas tradicións en futuro…#NonA76RibeiraSacra

Iria.

 

O Pazo de Celeiros, patrimonio afectado pola A-76 (II)

pazo celeiros

O Pazo de Celeiros atópase situado na aldea do mesmo nome da parroquia de San Xosé da Carballeira (concello de Nogueira de Ramuín) a uns 15 Km. da cidade de Ourense.

O edificio está dentro do núcleo de poboación, na marxe esquerda da estrada Ourense-Monforte, da que o separa un patio-xardín cun muro de cerramento. Arredor hai ladeiras moi pendentes, reforzadas por calzadas onde medran as cepas, prolongadas por un monte frondoso de carballos e castiñeiros.

IMG_9285

IMG_0855

A data de construción do pazo sitúase no século XIX e o seu fundador foi o cóengo D. Xoán Martínez. Na actualidade atópase habitado e ten como uso o de vivenda habitual.

É un edificio de planta cuadrangular con patio interior con solaina no contorno (precedida dunha escada con dous tramos) e está construído en perpiaños ben labrados e de excelente calidade.

A porta principal comunica co patio a través dun vestíbulo e no interior atopámonos con dúas plantas separadas por unha imposta que presentan unha gran regularidade no seu conxunto. As fiestras son rectangulares, contando con “portas de ar” con forxados de ferro.

Ten unha cuberta con catro augas onde se ergue unha gran cheminea duns tres metros de altura rematada en cornixa con catro remates a xeito de pirámide.

O pazo conta cun pombal e cunha capela separada da casa dedicada a San Xoán.

IMG_9295

Os propietarios do pazo son descendentes do ensaísta e polígrafo da primeira ilustración española Frei Benito Jerónimo Feijóo e Montenegro, nado en 1764 no pazo de Casdemiro no cercán concello de Pereiro de Aguiar.

 V. Barber.

O Pazo da Seara, patrimonio afectado pola A-76 (I)

Iria 2

O Pazo da Seara atópase situado na parroquia de San Xosé da Carballeira (concello de Nogueira de Ramuín) a uns 14 Km. da cidade de Ourense.  Conta cunha extensión de sete hectáreas rodeadas de prados e árbores e sen relación inmediata con ningún núcleo de poboación.

O seu propio nome indica que é unha zona pouco apta para o cultivo e pola súa posición no val que forma o Miño, despois da súa unión co Sil e o Búbal nos Peares, fai que se atope nun ambiente agrícola de costas intensamente cultivadas -as bocarribeiras- das que se obtén centeo e viño.

A data de construción da edificación está fixada no ano 1717 e a familia Ulloa Somoza é a súa fundadora, como indica unha inscrición labrada na fachada, representándose as súas armas nun dos escudos.

10410397_10204927461455462_8603011708942510678_n-2

IMG_9259-2

IMG_9244

A entrada principal do edificio está orientada ao S.O. e a construción responde ao prototipo de vivenda señorial rural, cunha finalidade agrícola e gandeira. A edificación presenta unha planta en forma de U, con patio interior rectangular pechado cara o exterior por un grande muro de pedra e cun torreón nunha das esquinas. Unha gran porta abre o paso cara a solaina que rodea tres lados do patio co que se comunica cunha escada de apenas sete pasos.

No tellado érguese unha cheminea de gran tamaño, rematada con pirámides e bolas, que se corresponde coa da cociña e que foi construída en 1819.

Na fachada traseira ábrense dúas portas rodeadas por molduras barrocas, presentando na parte superior dunha delas unha fornela cunha imaxe de Santo Antón. O edificio contén unha capela, de planta rectangular e chan empedrado, que se sinala por unha espadana sobre o tellado e que no seu interior contén tres interesantes retablos barrocos tallados en madeira de nogueira sen policromar.

IMG_9245-2

                  10355835_1562141164015013_1377070166195261654_n

Moi preto da casa hai unha fonte de pedra ornamental, un hórreo de pedra e madeira, un estanque, un alpendre, unha adega e un pombal. Toda a finca se pecha cun muro de  cantería que remata nos ángulos cunhas garitas cilíndricas de cuberta cónica.

Fonte da Seara, tesouro escondido

 No lugar existe unha lenda segundo a cal este pazo foi edificado coa pedra do mosteiro de San Vicenzo, situado nunha aldea próxima pertencente á mesma parroquia. Por outra banda, compre dicir que na novela de Otero Pedraio Os camiños da vida faise unha maxistral descrición do pazo e da vida dos seus habitantes.

               10406673_1565042003724929_6407148991742234435_n  IMG_9268-2

 

V. Barber  

 

Firma pola defensa do Pazo da Seara e da Ribeira Sacra: https://www.change.org/p/no-a-la-autov%C3%ADa-a-76-por-la-ribeira-sacra-por-la-defensa-de-un-patrimonio-milenario