A novena alternativa

A novena alternativa é a que nos levou a este punto, a ter que utilizar á presa e correndo a última oportunidade que tiñamos na vía xurídica para loitar contra esta barbaridade que nos queren impoñer.

Disque desde Fomento aseguran que o trazado da A-76 (Ponferrada-Ourense) particularmente o subtramo entre Os Peares e Ourense, é a mellor solución funcional e medioambiental e lémbrannos que o proceso de información pública xa se efectuou no ano 2008, incluíndose nel as oito alternativas posibles, pudendo presentar tanto as Administracións como os particulares as alegacións que consideraron oportunas.

É certo, as OITO alternativas posibles foron expostas ao público en setembro do 2008. Naquel momento, como se pode ler no anuncio polo que se somete a información pública a aprobación provisional do estudio informativo “Autovía A-76 Ponferrada-Ourense” Provincias de León, Lugo e Ourense, (BOE de cinco de setembro), daban como favorable a alternativa Ourense 7, e sí, claro que houbo alegacións.

Debeuse poñer a cousa tan complicada que finalmente o promotor e o órgano ambiental decidiron adoptar unha nova alternativa á que denominaron Ourense 9 (BOE de 14-8-13). Casualmente esa decisión é a que se “esqueceron” de comunicarnos, a que non tivo exposición pública e a que provocou a INDEFENSIÓN dos veciños e veciñas das parroquias afectadas en Nogueira de Ramuín e a apresurada agrupación dos mesmos en Plataforma.

É a alternativa 9 a que dende o día 13 de marzo de 2014 (día en que gracias a un empregado do Concello nos decatamos do que estaba por acontecer) non nos deixa durmir e polo visto, a estas alturas, parece que lle empeza a quitar o sono ata ao Ministerio.

Por outra banda, eso de que é a mellor solución funcional e medioambiental sería necesario matizalo moito máis.

Reflexionemos por un momento e pensemos: se fixeron tantas modificacións no trazado a raíz das diferentes alegacións que foron recibindo e despois de que os técnicos xa tiñan o seu trazado favorable o cal foron mudando ata chegaren á novena alternativa, esa que finalmente elaboraron e da que, polo tanto, ningún veciño tiña coñecemento, ¿cómo están tan seguros de que é a mellor?

A min, ao marxe de parecerme unha aberración absoluta e un verdadeira agresión á Riberia Sacra en xeral e as parroquias de Viñoás e da Carballeria en particular, lévame a pensar máis alá ¿que interese pode esconder todo esto? ¿Por qué o Alcalde de Nogueira non contestou ás preguntas da súa veciñanza desde o principio? ¿Porque comezaron a poñerse nerviosos cando os propios veciños e veciñas interpuxeron o recurso contencioso administrativo? ¿Por qué un mes e medio máis tarde, ata o Ministerio intenta xustificar este trazado? ¿Porqué a día de hoxe a veciñanza aínda non temos acceso ao todo o expediente administrativo?

Se está tan claro que é a mellor solución, ¿que problema habería en deixar que aqueles veciños e veciñas, que claramente sufrimos unha INDEFENSIÓN, fagamos as nosas alegacións? ¿Que problema habería en darnos a oportunidade de demostrar a Fomento que este non é precisamente o trazado máis adecuado?

Retomemos a pregunta inicial, se tiñan oito alternativas e a raíz das alegacións realizadas tiveron que argallar unha novena, quen sabe, posiblemente, se nos deran a oportunidade de expresar os nosos reparos á esa novena alternativa, igual xa non se vía tan claro eso de que é mellor solución funcional e medioambiental. Ao mellor habería que empezar a pensar nunha DÉCIMA alternativa.

En definitiva, un pouquiño de respecto á veciñanza, que non nos queiran facer comulgar con rodas de muíño. ¿Ou seica pensan que toleamos tanto que en lugar de aproveitar as alegacións gratuítas no seu momento, preferimos agardar ata uns días antes de rematar o prazo para interpoñer o recurso contencioso administrativo ante a Audiencia Nacional, pagando, e coas taxas cada vez máis elevadas? Un pouquiño de seriedade por favor.

 

Ribeirán Forever

¡Se non o vexo non o creo!

Ave Cesar!!!

Hai pouco máis dun mes que ningún veciño de Nogueira de Ramuín eramos coñecedores de que ía a pasar unha autoestrada por algunha parte do noso Concello, bueno, digo que ningún veciño, e ao mellor algún ou algúns si que o sabían pero éralles mellor non dicir nada, a saber con que escuros intereses.

O asunto foi que saltou a lebre e os veciños da parte de abaixo do Concello enterámonos por unha metedura de pata dun dos empregados municipais ao que seguramente non tiñan ben confesado os seus superiores, «pildoulle no morral» como se diría en barallete.

Como será a cousa que aos veciños das parroquias de Viñoás e da Carballeira colléronos de tan mala leche que apresuradamente fundamos unha plataforma sen color político para defender os nosos dereitos, cousa que deberían estar a facer os nosos gobernantes, aos que eliximos precisamente para que nos protexeran. «Uns verdadeiros anxos da garda”

Esta futura autoestrada, que despois de ter non sei cantos proxectos distintos (o último nas circunstancias mencionadas) quérenola endosar desde un viaducto que atravesa o río Sil pola parte sur da parroquia de Pombeiro (Lugo), atravesando por enriba unha aldea chamada O Coitelo (Os Peares) e deixando outra colgada, Fiscal (parroquia de Moura). E para que lles vou seguir contando porque a desfeita que fará na parroquia de Viñoás e da Carballeira vai a ser un verdadeiro «sindiós».

Dáse a circunstancia de que este traxecto é a entrada da Ribeira Sacra que vai desde Ourense aos Canóns do Sil.

Este sábado día 26 saíu na primeira páxina de La Región a noticia de que os empresarios de Nogueira de Ramuín están a favor da construcción da autoestrada, e digo eu: ¿quén os aconsellaría a tomar esta decisión?, porque case seguro que foi de catro ou cinco que terán algunha cousa pendente que compensar, xaque a citada autoestrada non lle beneficia en nada. Creo que a estes empresarios seríalles mellor que lles arranxaran ben as carreteiras que comunican os diferentes pobos, visto o tipo de industria que temos no Concello.

Está visto que as cousas cando non se fan ben poñen nerviosos hasta aos máis poderosos.

Continuará…

Un veciño da Carballeira.